DÉCIMA EDICIÓN DA REGATA DE VELA LIXEIRA “RÍA DE FERROL”,

Por décimo ano consecutivo, os días 13 e 14 de xullo, a ría de Ferrol será o escaparate mais significativo da vela lixeira infantil e xuvenil da nosa comunidade autónoma; participarán na Xª edición da Regata de Vela Lixeira “Ría de Ferrol”, organizada pola Sección de Vela Lixeira do Grupo Bazán, e copatrocinada polo Concellería de Deportes do Concello e o club organizador, e coa colaboración de Amarradores do Porto e Ría de Ferrol, S.L. Preto de 70 inscricións de barcos das clases Optimist e Láser, procedentes de oito clubs, recibiu xa a organización para participar nunha regata que, alcanzando xa a décima edición consecutiva, converteuse nunha das grandes citas da vela lixeira infantil e xuvenil galega nesta época estival. Unha edición máis que conta coa cualificación por parte da Real Federación Galega de Vela como de Regata de Nivel Autonómico, tanto pola cantidade dos participantes como pola calidade dos mesmos e pola participación en todas as edicións de repsentantes do país veciño. Regatistas dos máis significados clubs galegos, acompañados por regatistas portugueses acudirán á cita. Sendo así que a participación estará composta por integrantes dos equipos de regatas de Club Marítimo de Canido, Club Marítimo de Oza-Ou Puntal da Coruña, Real Club Náutico da Coruña, Club de Vela Fluvial das Pontes, Club Náutico Ría de Ares, Club Alamar de Sada e Clube Naval Povoense de Póvoa de Varzim. A relación de participantes péchase cos integrantes do equipo de Optimist e Láser da Sección de Vela Lixeira do Grupo Bazán. A pesar da precariedade de apoios cos que puido contar, o Grupo Bazán segue apostando pola organización da regata que servirá para fomentar o deporte da vela lixeira nunha ría que ten unhas condicións óptimas para a súa práctica. Ninguén da organización dubida do éxito dunha regata que á parte do importante compoñente deportivo da mesma ten un, se cabe, máis importante compoñente social, dado que, do mesmo xeito que en anteriores edicións, o sábado día 13 pola noite ofrécese no restaurante da Feira de Mostras, unha cea conxunta para todos os regatistas, adestradores, xuíces, balizadores e demais organizadores e colaboradores da regata, que fomenta o aspecto social do deporte e a convivencia entre os mozos deportistas e que é un aliciente máis para a asistencia dos mesmos ano a ano. Tampouco cabe dúbida que o evento xerará un tráfico económico importante para a cidade dado que á parte da ocupación hostaleira que, estes eventos de vela infantil en épocas estivais arrastran a moitos directivos, pais e acompañantes dos sitios de procedencia dos clubs asistentes.